lara

Normalmente escribo neste blog en castelán, pero desta vez prefiro reproducir o texto tal cal o escribín. Se trata dun texto que expresa os meus sentimentos de cara a miña irmá, que agora está a pasar por un mal momento… Agardamos todos que todo saia ben, porque, como poderedes ler a continuación, é unha das persoas máis marabillosas do mundo. Este texto escribínllo coma dedicatoria este sábado, que era o seu aniversario. E di así:

Está claro que o tempo pasa, ás veces de forma abraiante, vertixinosa, como diría Papuchi: spúni. Pero cando pasa tan rápido, todo o mundo di que é porque estamos a pasar un bo anaco, non? Pois así me pasou estes 29 (dos cales eu teño vivido 25) anos da miña irmá. Evidentemente houbo malos momentos, todos temos que superalos e, ainda que firen, escangallan, fan dano, revólvense, axítanse e crean rabia no teu interior, ben fora a quilómetros de distancia ou a teu carón, Lara estaba, está e estará aí. Non fai falla que lle digas que estás mal ou te pasa algo. Ela xa o sabe. Sábeo porque o sinte con tal forza coma se lle pasase a ela e incluso faille máis dano que ti o esteas a pasar mal.Ponse na túa pel e non é que intente facer sentir mellor; ela faino. Non é que te intente consolar; ela faino. Non é que te intente sacar un sorriso; ela faino. Para os seus verdadeiros amigos é fácil saber o que eu explico, porque ela os trata como irmáns. Eu síntome aínda máis afortunado porque son o seu irmán, e non sabedes toda a sorte e a ledicia que supón para calquera e moito máis para min.

Dende hai anos, sempre mirei cara atrás para mirar para a miña irmá (se fose por cuestión de altura, debería ser cara abaixo), xa que todo o que unha persoa pode aspirar a ser e pensar, teno ela. Co paso do tempo, comprendín que era imposible que houbese dúas Laras, porque ninguén pode chegar a ter o seu grao de bondade, de agarimo e de paixón que pon a cada xesto, a cada mirada, a cada aperta, a cada bico. Penso que ela xa sabe todo o que a quero, aínda que o digamos de cando en vez se levamos unha merluza ás sete da mañá, nunha tarde de domingo tomando unhas cervexas co chourizo que nos trouxo a nosa avóa ou nunha conversación telefónica das que temos de botar parloteando horas e horas para que se forren as compañías telefónicas. Porque somos o espello o un doutro: se ela cae, eu caio; se ela chora, eu choro; se ela ri, eu río. Sabemos o que nos gusta e o que necesitamos oír e ver en cada momento e penso que, como digo, non me podo sentir máis afortunado de ter a Lara como irmá.

Porque estes 29 anos sexan a continuación doutros 29 tan ou máis felices se cabe e que poidas gozar da compaña de todos os teus amigos, os teus familiares e o teu irmán, que cada día que pasa te quere máis.

Quérote moito nena.

Asinado- Nesiño